Esta Asociación, ante
as informacións de irregularidades detectadas no proceso de licitación da
contratación do Servizo de recollida de residuos urbanos, limpeza viaria e de
praias, tanto ao longo da tramitación nos dous últimos anos, que foi paralizado
varias veces polos tribunais, como recentemente, tal como denunciou a mesa de
contratación, por un posible trato de favor por parte dun concelleiro co apoio
do alcalde a unha das empresas concursantes, pide que se deteña inmediatamente
a contratación.
Dada a complexidade do prego de contratación, que pode
levar no futuro a incumprimentos da empresa adxudicataria como se está dando co
actual servizo, esta Asociación considera que o goberno municipal debe
rectificar, paralizando a actual licitación e comezar de cero cun novo prantexamento
que leve a elaboración dun novo prego de contratación máis sinxelo que se estableza
só para o servizo de recollida de residuos urbanos e remunicipalizar os
traballos de limpeza viaria e de praias, limitados estes a uns poucos meses do
ano e que pode facer perfectamente o Concello sen costes tan elevados.
O megacontrato de recollida do lixo licitado de chegar a aprobarse polo pleno municipal debido a un interese sospeitoso do goberno municipal pode ser desastroso para as arcas municipais e será en detrimento de cubrir melloras en servizos necesarios e infraestruturas. Un gasto fixo de mais de tres millóns de euros ao ano por un período de dez anos ademais de ser carga pesada para a elaboración dos orzamentos anuais implicará un incremento na taxa de recollida de lixo motivado pola obriga normativa da Unión Europea de repercutir todos os custes do servizo, neste caso dun mal contrato, na tarifa a pagar, co cal pode pasarse no caso das vivendas de 78 € anuais a uns 160 € como mínimo. Isto, engadido a suba do IBI do 20 % desde o 2024, situaría ao Concello de Nigrán como un dos maiores de carga impositiva.

No hay comentarios:
Publicar un comentario