14/5/09

Queima de pneumáticos


Veciños de Chandebrito descubriron fai uns días que unha vertedura de centos de pneumáticos localizados nas Chans de Rapadouro que foran recollidos recentemente pola Comunidade de Montes desta parroquia acabaron sendo incinerados no "Outeiro do Ganador" (situado detrás do Colexio Estudio ), no monte da Comunidade, na noite do mércores 29 ao xoves día 30 de abril, co conseguinte perigo por risco de incendio forestal e o dano irreversible para a fauna e a flora do lugar, así como o producido á atmosfera.

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Ademais, obsérvase que para o transporte, depósito e queima dos pneumáticos movéronse algunhas pedras de grandes dimensións que colocara hai moitos anos a Comunidade de Montes na entrada do outeiro e que se incineraron no citado lugar pola noite para que ninguén se decatase do sucedido.


Estes feitos puxéronse inmediatamente en coñecemento da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Nigrán, da Comunidade de Montes e do axente forestal da Consellería do Medio Rural, para que se investigue o asunto e se depuren as responsabilidades ás que haxa lugar, sen descartar a posibilidade de emprender accións legais contra este brutal atentado ao medio ambiente.


Tamén se pode ler a nova na Voz de Galicia e no Faro de Vigo


4/5/09

Recuperación dos petroglifos esquecidos

A Asociación Veciñal e Cultural “Chandebrito 1807” está actualmente promovendo con voluntariado a conservación e posta en valor da maioría dos petroglifos e muíños rupestres da parroquia de Chandebrito esquecidos no proxecto de actuacións de mellora a través do Proxecto de Revalorización do Patrimonio Cultural de Chandebrito promovido polo Concello de Nigrán e subvencionado con fondos do Programa Proder. Con esta acción de conservación e difusión tratamos de que algún dos melloras petroglifos da parroquia non quede no total abandono, mentres outros están a acaparar todo o protagonismo.


Petroglifo da Cañoteira I, antes da limpeza


Para isto, xa se procedeu en datas recentes por parte de persoas voluntarias a acondicionar o acceso e o entorno dos petroglifos de “A de Rial” e dos grupos de muíños rupestres localizados na “Cañoteira” e en breve colocarase cartelería e farase o mesmo co petroglifo da Gabacha e dos muíños de “Casa de Couso” e “As Mazarocas” (ambos no barrio da Igrexa). Nos próximos días tamén se intentara colgar no blog as características e localización de cada un deles.


Petroglifo da Cañoteira I, despois da limpeza


Outras actuacións que pretende levar a cabo esta Asociación no campo da difusión do patrimonio cultural da parroquia é a de realizar actividades similares para a mellora dalgún dos muíños de auga, a elaboración de folletos do roteiro histórico-etnográfico e do sendeiro dos Matos para as visitas guiadas e a publicación dun traballo sobre a microtoponimia de Chandebrito, para o que xa se recolleron uns 650 nomes de lugares, dos cales a metade xa están localizados.


Petroglifo da Cañoteira II, antes da limpeza


Esta Asociación considera que a difusión e a educación é a mellor maneira de preservar estes bens culturais para que o poidan gozar as xeracións futuras.


Petroglifo da Cañoteira II, despois da limpeza

Tamén se pode ler a nova na Voz de Galicia


Chandebrito entra na ruta de excursións de cruceristas


Máis de 200 cruceristas elixiron a parroquia de Chandebrito para facer turismo nas excursións ás que se apuntan nada máis desembarcar no porto de Vigo desde o pasado mes de marzo.


Continua na Voz de Galicia


28/3/09

A fiscal acusa a 40 veciños por intimidar a unha familia


Preto de 40 veciños de Chandebrito están acusados de presuntos delitos de desordes públicas, atentado e coaccións. Son as persoas que lograron ser identificadas polos altercados que padeceu no ano 2001 unha familia que reside nesta parroquia de Nigrán.


Continua na Voz de Galicia


15/3/09

Os parrocos de Chandebrito


Buscando información relativa a parroquia fai uns días que dende a asociación vimos de coñecer os párrocos que tivo Chandebrito dende o ano 1898 ata a actualidade, polo que para todos aqueles que estean interesados, deixamos a relación:


03/02/1898 – 05/11/1898 Maximiliano Novoa

14/01/1899 – 23/09/1899 Juan Barros Fernández

12/01/1901 – 10/02/1902 Juan Silva Gora

20/09/1902 – 30/09/1905 Severino Martinez Martinez

27/01/1906 – 06/05/1911 Apolinar Espinosa Baladran

18/02/1912 – 02/11/1921 Manuel Rouco Giraldez

08/04/1922 – 21/03/1931 Jose Estevez Boullosa

08/02/1930 – 27/12/1941 Manuel Rouco Giraldez

11/01/1942 – 21/09/1945 Constantino Martinez Franco

15/09/1946 – 27/10/1946 Jesus Domínguez Cambra

17/11/1946 – 27/10/1946 Claudio Rodal Fandiño

05/04/1954 – 20/12/1972 Juan Cabaleiro Martinez

18/03/1973 – 01/11/1973 Anselmo González Quintas

31/03/1974 – 24/05/1987 Antonio Guerreiro Roda

07/02/1988 – 04/01/2004 Manuel Pereira Francisco

01/02/2004 – 11/07/2004 Emilio González Outarelo

01/05/2005 – Actual Santiago Vega Lopez


11/3/09

Limpeza das pistas forestais


Con motivo da solicitude presentada por esta Asociación á Consellería do Medio Rural da Xunta, para a limpeza das marxe das pistas forestais pola seguridade das persoas que transitan por eles e para organizar mellor o combate do lume, publicado no blog o día 14/11/2008, estes días procedeuse o roce das marxes de diversas pistas forestais de Chandebrito (Chans de Rapadouro, Pista ao Parque Forestal de Vilar- Camos, Lapela, Ventaniñas- Presa dos Soldados, etc.).


Antes

Despois


Xa que estaban nun estado lamentable e causaban risco de incendios, a recente limpeza deixas cun bo estado, facilitando a visibilidade e evitando que se propaguen os lumes no caso de posibles incendios"


2/3/09

Banco do tempo


O pasado día 26 de febreiro celebrouse no centro antena de Nigrán a través da consellería de Promoción de emprego unha charla coas Axentes de Tempo da MAIV (Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo), para implantación dun banco do tempo no concello.


O banco do tempo e un sistema de participación social no que se intercambian servicios, sen que haxa cartos de por medio e sendo a unidade de intercambio a hora. O seu funcionamento consiste en que unha persoa deposita unhas horas de tempo ofertando un servicio que desexa dar e, a cambio, pode solicitar tempo doutras persoas para resolver necesidades e actividades da vida cotía. No banco do tempo pódense intercambia dende axuda no fogar, reparacións, educación, artesanía, benestar, acompañamento, ocio,....etc.



Por tanto dende a asociación queremos dar a máxima difusión a esta actividade pois consideramos que e un servicio para acercar as persoas e desenrolar na práctica valores de cooperación e solidariedade algo que xa facían os nosos maiores e que fomos perdendo polo que a xente da parroquia e demais que nos sigan no blog e que estean interesados poden dirixirse o centro antena de Nigrán (Rúa Otero Pedraio, nº 52. Tfno.: 986366572) preguntando por Ra,i no seguinte horario 10:00 a 14:30 e 18:00 a 21:00 sábados incluídos, ou pórse en contacto por correo electrónico centroantena@nigran.org