26/12/14

Solicitude ao Concello en materia de vías e obras

O 16 de decembro de 2013, coa sinatura de moitos veciños, solicitouse por terceira e última vez, mediante escrito ao Concello de Nigrán, que se adoptaran medidas urxentes para solucionar diversos problemas na parroquia de Chan de Brito, os cales xa se puseron en coñecemento da Concellería de Vías e Obras dende hai anos, contestando naquel momento o seu responsable que ditas actuacións se levarían a cabo nos primeiros meses deste ano 2014.



Observando que aínda non se realizaron todas elas a pesar de transcorrer case un ano, a Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" solicitou recentemente ao Concello de Nigrán mediante escrito presentado no rexistro municipal que se realizasen distintas actuacións necesarias na parroquia de Chan de Brito en materia de vías e obras:



Reparación e/ou substitución de reixas de arquetas de augas pluviais rotas perigosas, na R/ Laxes núm. 27 e Rúa da Igrexa entre os núm. 12 e 14 (frente ao bar “A Tenda Darriba”).



Reposición total de asfalto no tramo do camiño da Subida a Mirador Castro – pista de Lapela ao Monte Alba situado na ladeira Noroeste da canteira;e ensanchar a sección en curvas (preto da entrada á canteira; preto do límite con Valadares; etc.)



Xestións ante a Consellería do Medio Rural para o arranxo de 3camiños forestais no barrio da Igrexa: Regueiras- Lapela por Socrasto, Casa de Couso (Fonte de Juan) ata a Rúa Pracíns e ata o límite co monte veciñal de Vincios (Penedo Redondo) (capa de xabre pisado), cuestión demandada por varios veciños que non poden acceder ás súas fincas.



Mellora do acceso do Camiño de Cordiñas (rebaixar entrada), situado entre o cruce da R/ Chandebrito coa Rúa Igrexa e o núm. 1 desta vía.



Realización de cunetas nos tramos nas que sexan necesarias nos camiños “Campiños” – “Alén” (Estrada de Chan de Brito, 1 A – Rúa das Laxes, 25), no barrio das Tomadas; e no de “Entre Paredes” – “A de Cordiñas”(Estrada de Chan de Brito, 4 – Rúa da Igrexa, 15 – 17), no barrio da Igrexa.



Trasladar ao lugar máis axeitado o poste sito entre as casas nº. 27 da Rúa das Laxes e a nº. 1 da Rúa do Torreiro (na intersección destas dúas vías municipais), xa que quedou dentro desta última vía pública con motivo da obra de ensanche da mesma por parte do Concello no 2003 e constitúe un importante obstáculo e supón un grave perigo tanto para os vehículos como para os peóns que circulan pola zona (solicitado dende o 2009).



Requerir á Deputación a execución do proxecto da obra de ensanche da Rúa de Pracíns (E.P. 2102 Vincios – Nigrán), ou cando menos, as curvas á altura dos nº. 1, 3, 6, 21, no límite con Vincios e no Osqueiro (entre Camos e cruce Chandebrito -valla), buscando a cesión dos propietarios. (xa solicitado en numerosas ocasións).



Instalación de sinalización de tráfico: Reposición de sinal vertical “Stop” no acceso á Rúa de Chandebrito dende a R/ Laxes; colocar sinal límite veloc. a 40 Km./h no acceso dende Coruxo



Crear pasos elevados, lomas ou sistemas análogos de calmado de tráfico na R/ Laxes (limitada a 30 Kms./h.) e na R/ Chandebrito (na contorna do paso de peóns frente marquesiña), pola excesiva velocidade dos numerosos coches e buses que se dirixen a diario ao Colexio Estudio.



Mellora de 4 fontes de auga de uso público e adecuación do seu entorno (fontes do Cocho de Abaixo; Fonte Nova; Rapadouro e Penís (de Juan).



Ampliación da rede xeral de sumidoiros na Rúa Laxes (dende a vivenda núm. 27 á 32) e nas Pereiras, (dende a R/ de Chandebrito núm. 15 ata as nº 29 – 31).



Mellora das instalacións deportivas: colocación de postes e rede na parte norte do campo de fútbol (tirados polo vento), substitución de reixas frente aos vestiarios (causan perigo), e substitución de alambrada do peche na pista polideportiva de cemento (colocada hai uns 13 anos e moi deteriorada).



Poda dos piñeiros da parcela na que se ubica a antiga escola infantil (de titularidade municipal), e substitución dos xogos no parque desta, moi deteriorados –adquiridos hai máis de 10 anos pola Comunidade de Montes-.



Recollida de terras xunto a presa existente no acceso da vivenda num. 1da Rúa de Chandebrito. Recollida de resíduos de obras depositados no Torreiro das Laxes (Rúa do Torreiro, 4) e entrega a un xestor autorizado para o seu correcto tratamento.



Colocación de sinal indicador da parroquia de Chan de Brito na Estrada de Pracíns (E. Provincial Nigrán a Vincios), no límite coa de Camos.

Peticións á concellería de Patrimonio Cultural

Esta Asociación, despois de requerir ducias de veces a colaboración da Concellería de Patrimonio Cultural do Concello de Nigrán sen que se obtivese resposta por parte da mesma; solicitou mediante escrito presentado nos pasados dias no rexistro municipal desa Administración que se realicen as xestións necesarias para solucionar os seguintes asuntos, que xa se lle expuseran á concelleira delegada no ano 2012, pero que seguen sen resolverse:

Reposición de indicadores nos paneis de madeira en varios petroglifos: no acceso ao petroglifo do Rabete e do debuxo interpretativo do mesmo, así como do das Chans de Rapadouro, nos do Preguntadouro, no da Chosiña e no da Lapela; e inclusión de lámina no panel situado á altura do Colexio Estudio. Sinalización dos petroglifos das Ventaniñas (Presa dos Soldados), de Peneites, e dos muiños rupestres da Lapa do Piñeiro.

Reposición de valo de madeira substraído nos tramos Norte e Leste do perímetro do castro e colocación de cartel indicador deste nos seus accesos dende os muíños do Regueiro e dende o camiño de Lapela (pista que vai ao monte Alba).

Que se solicite á Consellería de Cultural da Xunta de Galicia a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o Castro de Chan de Brito, xá que posúe características únicas en todo o país.

Roza da maleza na parte sur dos muíños de auga do Regueiro e na contorna do muiño das Loureiras.

Colaboración con esta Asociación para executar pequenas actuacións complementarias necesarias no muiño dos Matos (apertura oco fiestra, portas de reixa metálicas, etc.)

Restauración do muiño de auga de Rodas de arriba (do s. XVIII), en colaboración con esta Asociación.

Inclusión dos 38 bens culturais desta parroquia sen catalogar (muíños, camiños enlousados, obra civil, petroglifos, etc.) no catálogo do PXOM e nos arquivos do Concello e solicitar á Consellería de Cultura da Xunta que se inclúan no inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, de conformidade á documentación entregada no Concello e na Xunta por esta Asociación dende o ano 2007, coa finalidade de proporcionarlles a todos eles a protección mínima que garante a lei do patrimonio cultural de Galicia.

Sinalizar roteiro histórico da parroquia, creado por esta Asociación no ano 2006 (publicado na páx web desta e nos trípticos editados polo Concello no 2009), marcando o percorrido con liñas branca e azul.

Colaboración con este colectivo para realizar unha xornada de demostración de xogos populares tradicionais do lugar.


Esta Asociación agarda que se produza unha resposta do Concello no vindeiro mes.

14/11/14

IV xornadas micolóxicas de Chan de Brito



A Asociación Veciñal e Cultural “Chandebrito 1807”, coa colaboración da Agrupación Micolóxica “Brincabois”, celebrará o vindeiro domingo dia 23 de novembro durante todo o día a cuarta edición das xornadas de micoloxía de Chan de Brito, na que o membro da citada agrupación e da Federación Galega, Jose Luis Tomé Ortega, introducirá no mundo dos cogomelos ás persoas participantes.

Para iso, entregarase información a cada un destes, que pa...rtirán arredor das 10:30 h. do local social desta Asociación, na escola infantil da parroquia (Rúa da Igrexa, 2), polos montes dos Cruceiros, A Lapela e Regamán, entre as parroquias de Chandebrito, Vincios e Valadares, para a recollida de cogomelos.
A xornada continuará ás 16.00 h. cunha exposición do material seleccionado, ademáis dunha charla ás 18.30 na que o experto falará das características de cada un deles e do aspecto gastronómico, para a continuación rematar co preparado, cociñado e degustación de varias especies diferentes.

Para poder participar é preciso inscribirse e realizar a doazón de 10 € por persoa -para colaborar nos gastos- ata o venres dia 21 ás 15.00 h. Pode facerse o ingreso na conta bancaria de "La Caixa", núm. 2100 4790 43 0200067441.

Para maior información e/ou inscricións poden chamar ao teléfono núm. 667380223 ou escribir ao correo-e chandebrito1807@gmail.com . Tamén poden consultar a información na páxina web www.chandebrito1807.blogspot.com .

8/11/14

Mellora da Estrada de Pracíns

Despois das peticións e xestións realizadas pola Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", a Deputación de Pontevedra adxudicou a obra de mellora das cunetas da Estrada Provincial de Vincios a Nigrán, na que se inclúe o tramo da Estrada de Pracíns, en Chan de Brito.
A obra, prevista para outubro / novembro deste mesmo ano; ten como obxectivo a correcta canalización das augas pluviais para favorecer a conservación do vial e evitar molestias e danos a vehículos e peóns que circulan por este.

20/9/14

Convocatoria de curso de cestería en palla (II)

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", consciente do éxito obtido noutras edicións realizadas e co fin de recuperar e poñer en valor un dos oficios tradicionais máis antigos, convoca para esta nova tempada 2014/2015 un curso de cestería tradicional, denominado CESTERÍA EN PALLA DE CENTEO (II), coas seguintes características:

 

TÉCNICA: COSIDO EN ESPIRAL CON PALLA DE CENTEO.
ELABORACIÓN DE CESTOS QUE CONTEÑAN GRANS E SEMENTES.
IMPARTIDO POR RUBÉN BERTO COVELO (VIGO), MESTRE CESTEIRO ARTESÁN.
FERRAMENTAS QUE DEBERÁN LEVAR OS ALUMNOS/AS: NAVALLA E PUNZÓN.
LUGAR: ESCOLA INFANTIL DE CHAN DE BRITO (RÚA DA IGREXA, 2).
DATAS: TÓDOLOS LUNS DENDE O 6 DE OUTUBRO ATA O 29 DE DECEMBRO DE 2014 (AMBOS INCLUIDOS) (12 SESIÓNS).
HORARIO: DE 18.00 A A 20.30 H.  (2,5 HORAS SEMANAIS).
Nº PARTICIPANTES: UN MÍNIMO DE 8 – E UN MÁXIMO DE 12 .
PREZO: 30 € MENSUAIS POR PERSOA (INCLÚESE TODO O MATERIAL PRECISO –PALLA, TIRETA DE VIMBIO, ETC.-).


MÁIS INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS: ATA O DIA 3 DE OUTUBRO, A TRAVÉS DO CORREO ELECTRÓNICO chandebrito1807@gmail.com OU NO TELÉFONO 667380223.

14/9/14

Curso de bailes latinos 2014 / 2015

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", ao igual que a tempada pasada, oferta un curso de bailes latinos, que se celebrará no seu local social (pranta baixa da escola infantil de Chandebrito, na Rúa da Igrexa, núm. 2) tódolos venres de 17.30 a 18.30 h. e que comezará o venres día 3 de outubro. A duración prevista é de nove meses. O prezo é de 11 euros mensuais por persoa.
Esta Asociación valora moi positivamente o resultado acadado no curso anterior, cunha media de 9 persoas asistentes por sesión, no que chegaron a participar un total de 20 persoas (dos cales un 55 % residían na parroquia); polo que decidiu continuar con esta actividade.
Os interesados/as poden informarse e/ou inscribirse no teléfono núm. 667380223 ou no correo-e chandebrito1807@gmail.com .

4/9/14

Solicitude de corrección do inventario municipal de camiños

Dende a Asociación "Chandebrito 1807" solicitamos en tres ocasións ao Concello de Nigrán que se engadisen tres viais existentes na parroquia de Chan de Brito que contan con diversos servizos urbanos de carácter público e tamén que se corrixisen un total de 58 erros (dous deles relativos ao grafiado das vías) que contén o plano núm. 3 do inventario de camiños do Concello de Nigrán (referido á citada parroquia), aprobado na sesión plenaria do 28/03/2012 (data de xaneiro de 2011).

Ao non obter resposta a estas peticións; solicitouse novamente o pasado 25 de agosto a través do rexistro de entrada da citada entidade local:

1º: Que se proceda a incluir no citado inventario os seguintes camiños:
-        Camiño de Florentino Rial (barrio das Tomadas).
-        Camiño dos Vargos (barrio das Tomadas).
-        Camiño da Lapela (barrio da Igrexa).

2º: Que se corrixan os 58 erros que contén o documento aprobado.

Para elo, remitiuselle anexo cos datos dos camiños para os que se pide a súa inclusión ademáis do mencionado plano do inventario aprobado no 2012, coas correccións oportunas.

Cabe ter en conta que existen varias vivendas con acceso por eses viais non contemplados no referido documento, o que supón un perxuizo para os seus titulares.

Consideramos que o goberno municipal non demostra ter interese en contar con inventarios realizados de xeito correcto, xa que nunca se puso en contacto coa veciñanza e/ou asociacións e tampouco se digna en contestar as peticións que se lle realizan, aínda que sexa de forma completamente constructiva, dándolle o traballo feito e sen custo algún para o propio concello, como neste caso.