2/6/15

Arrancan as obras de restauración do muiño das Loureiras

Esta Asociación, tal e como tiña previsto, comezou o 18 de abril os traballos de limpeza do muiño de auga das Loureiras, da súa contorna e accesos, nos que participaron un total de 7 voluntarios, coa colaboración das empresas Fruitas Vilar e Panadería La Flor de Nigrán (que doaron os comestibles para estas persoas). Entre abril e maio, o persoal penado que realizou traballos en beneficio da Comunidade adicouse á limpeza das pedras do muiño e o amoreado das que estaban caídas. O 30 de maio acordoouse a zona con sinalización, tal e como se pode comprobar nas fotografías insertadas a continuación. Contra mediados deste mes de xuño está prevista o inicio da recolocación das pedras nos muros, restaurando así a súa estrutura. Ademáis estase a elaborar un proxecto coas directrices desta actuación.




Este muiño, de principios do s. XVIII e abandonado nos anos 1930, está totalmente ruinoso, e é un dos 38 bens culturais de Chan de Brito para os que esta Asociación solicitou por escrito a súa catalogación oficial para proporcionarlle  protección legal.
Durante o ano 2014 asinouse con varios propietarios / herdeiros deste muiño un documento de cesión do seu uso durante 25 anos.
Nesta actuación colabora a Deputación de Pontevedra con financiamento do PAC 2014.
Agardamos que a primeira fase da restauración estará concluida a finais deste mes de xuño.
Todas as persoas interesadas en colaborar na súa restauración ou doazón de material (morteiro, pezas para o tellado, etc.) poden contactar coa Asociación a través do correo-e chandebrito1807@gmail.com ou chamando ao núm. de teléfono 667 380 223.

12/5/15

talleres de pintura - arteterapia

Respira e Pinta


Talleres de arteterapia en Chan de Brito. Na antiga escola infantil, os luns do mes de xuño de 18.00 a 19.30 horas.

Poderás dar os primeiros pasos do camiño da libre expresión: xogando co pincel vas liberando a creatividade que hai en tí de xeito natural. Non se precisa saber pintar, ao contrario, ás veces é mellor non saber nada, porque así no porás barreiras técnicas á exploración dos teus dons creativos ou os teus conflictos inconscientes.

Este é o baile do pincel ao ritmo da túa respiración, normal e consciente, que flúe como as cores.Tamén empregarás o pastel e collage.

É un taller dirixido a quenes desexen comezar un proceso de crecemento persoal a través da experiencia artística.
Ven vivir un momento coa arte e encherte de enerxía para o verán que se aveciña !.

Prezo: 30 euros (material incluido).

5/5/15

Roteiro de prantas e froitos silvestres comestiveis



Prantas e froitos silvestres medran de forma natural e espontánea, e aportan ao noso organismo elementos nutritivos de alto valor biolóxico, vitaminas, sales minerais e outras moitas substancias activas de propiedades preventivas e curativas, que na súa inmensa maioría, están ainda por descubrir.
As prantas silvestres teñen máis vitalidade e mellor calidade biolóxica, ademáis de posuir mellor capacidade de adaptación ao medio que as de cultivo. Esta calidade da que gozan os vexetais consiste na adaptación ás condicions especiais e ambientais do hábitat onde medran. Ofrecendo os nutrientes e os elementos protectores máis axeitados para as persoas da súa zona, sempre que medren sen sufrir grandes danos a causa dos fertilizantes químicos e fumigacións tóxicas, coma os pesticidas.

Pasaremos a mañá identificando e degustando prantas silvestres comestiveis con César, e ao final compartiremos o xantar co que traiamos cadaquén e/ou o que apañemos. Pola tarde Patri cociñará diferentes pratos coas plantas vistas pola mañá.

Día:  Sábado 16 de maio de 2015

Roteiro de 11:00 a 14:00 h. (non é necesario inscribirse). Sen límite de participantes.

Obradoiro de cociña silvestre de 16:00 a 19:00 h. (para poder participar debes anotarte antes). O núm. máximo de participantes é de 15.

Lugar: Chan de Brito
(Ás 10:30 h. na antiga escola infantil, Rúa da Igrexa 2)

Inscricións:

ou SMS: ao 667 380 223

As dúas actividades teñen Prezo Libre:
Ti pos o valor en función da calidade da información, profesor, entorno, a túa economía …
(No caso do Roteiro, o prezo pódese trocar por óleo usado de cociña)

30/3/15

Limpeza do muiño de Rodas de arriba

RECUPERACIÓN DO MUIÑO DE RODAS DE ARRIBA, EN CHAN DE BRITO
Dende a Asociación "Chandebrito 1807" iniciáronse neste mes de marzo os traballos de limpeza do muiño de auga de Rodas de arriba, da súa contorna e accesos.
Os traballos, desenvoltos por parte do persoal de Traballos en Beneficio da Comunidade, consisten na limpeza interior e exterior dos muros, piso, acceso ao muiño e da súa canle dende o encoro ata o cubo.
Este muiño, posiblemente construido a principios do século XVIII, aparece reflexado no Catastro do Marqués da Ensenada do ano 1752, leva abandonado dende os anos 1960, e é un dos 38 bens culturais desta parroquia para os que esta Asociación solicita dende o ano 2007 en diversas ocasións á Administración a protección legal axeitada.

22/2/15

Inicio da recuperación do muiño das Loureiras

Esta Asociación prevé comezar os traballos de limpeza do muiño de auga das Loureiras, da súa contorna e accesos, así como a restauración da súa estrutura (muros exteriores), no mes de marzo ou abril deste ano 2015.

Este muiño, que está completamente en ruinas, construise probablemente no século XVIII e quedou abandonado a mediados dos anos 1930, coincidindo coa construción dos muiños do Regueiro, en Chan de Brito. Asi mesmo, é un dos 38 bens culturais desta parroquia para os que esta Asociación solicitou por escrito en multitude de ocasións ao Concello de Nigrán e á Consellería de Cultura da Xunta a consideración de ben inventariado, co fin de proporcionarlle unha protección legal axeitada, petición que aínda non atenderon.

Durante o ano pasado asinouse con varios propietarios / herdeiros deste muiño un documento de cesión do seu uso durante 25 anos, no que este colectivo comprométese a restauralo, de acadar algunha subvención para elo, facilitando o seu uso a aqueles.

Nesta actuación colabora a Deputación de Pontevedra con financiamento procedente do Programa de Acción Comunitaria 2014.

Para elo, xa pediu colaboración ao Concello de Nigrán, asociacións sen ánimo de lucro e persoas poidan estar interesadas, para así fomentar a participación do voluntariado neste proxecto, cuxa primeira fase estará concluida a mediados deste ano.

Todas as persoas que esten interesadas en colaborar nas tarefas citadas deben poñerse en contacto coa Asociación a través do correo-e chandebrito1807@gmail.com ou chamando ao núm. de teléfono 667 380 223.

Convenio coa Universidade de Vigo para doazón de equipos informáticos

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" asinou recentemente un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo polo que esta fixo a doazón de equipamentos informáticos excedentes para os que non dispoñen de espazo físico.

Estes equipos depositáronse hai uns dias no local social desta Asociación (a antiga escola infantil da parroquia) coa finalidade de utilizarse por esta agrupación e pola Asociación de Mulleres Rurais, para impartir cursos, acceder a internet por parte da veciñanza, uso da biblioteca, servizo de asesoramento, recollida de peticións, queixas e suxerencias, etc. á veciñanza para trámites ante as administracións públicas, etc.

Con esta actuación, preténdese dar unha maior e mellor formación, participación e implicación nos asuntos públicos aos habitantes desta parroquia e achegarlles información do seu interese, xa que aínda a día de hoxe, teñen dificultades para chegar ás administracións, canalizando así as súas solicitudes, suxestións, etc. Ademáis, cabe ter en conta que ás veces, estas tampouco facilitan a participación cidadá do xeito máis oportuno.

13/2/15

Convocatoria curso de cestería ovalada (I)

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", consciente do éxito obtido noutras edicións realizadas e co fin de recuperar e poñer en valor un dos oficios tradicionais máis antigos, convoca para esta nova tempada 2014/2015 un curso de cestería tradicional, denominado CESTERÍA OVALADA EN VIMBIO (I), coas seguintes características:



TÉCNICA: CESTERÍA OVALADA EN VIMBIO
IMPARTIDO POR RUBÉN BERTO COVELO (VIGO), MESTRE CESTEIRO ARTESÁN.
FERRAMENTAS QUE DEBERÁN LEVAR OS ALUMNOS/AS: TESOIRA DE PODAR, NAVALLA E PUNZÓN.
LUGAR: ESCOLA INFANTIL DE CHAN DE BRITO (RÚA DA IGREXA, 2).
DATAS: TÓDOLOS LUNS DENDE O 2 DE MARZO ATA O 27 DE ABRIL DE 2015 .
HORARIO: DE 18.00 A A 20.30 H.  (2,5 HORAS SEMANAIS).
Nº PARTICIPANTES: UN MÍNIMO DE 8  E UN MÁXIMO DE 10.
PREZO: 30 € MENSUAIS POR PERSOA (INCLÚESE TODO O MATERIAL PRECISO –VIMBIO, TIRETA DE VIMBIO, ETC.-).


MÁIS INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS: ATA O DIA 27 DE FEBREIRO, A TRAVÉS DO CORREO ELECTRÓNICO chandebrito1807@gmail.com OU NO TELÉFONO 667380223.