11/10/17

II Roteiro de plantas silvestres e presentación de libro "Bienaventurada la maleza"

O sábado dia 21 de outubro de 2017 en horario de mañá, terá lugar na Escola infantil de Chan de Brito (Nigrán), na Rúa da Igrexa, 4, a presentación dun libro e o segundo roteiro de plantas silvestres comestibles da parroquia, guiado por César Lema, doutor en Bioloxía.

O programa é o seguinte:

11:00 h.: Presentación do seu libro: Bienaventurada la “maleza” porque ella te salvará la cabeza. Usos de 113 plantas silvestres de los campos norteños


11:45 – 14:00 h.: Roteiro de recoñecemento de plantas silvestres comestibles e os seus usos pola contorna.

A actividade é de acceso Libre, ao final do roteiro porase un bote para facer unha aportación Libre, podendo tamén trocar por aceite de cociña usado. Antes do roteiro haberá posibilidade de mercar o libro Bienaventurada la “maleza” porque ella te salvará la cabeza, usos de 113 plantas silvestres de los campos norteños, por 25 €.

Esta publicación tamén se pode descargar de xeito gratuito e responsable no seguinte enlace:  http://bienaventuradalamaleza.blogspot.com.es/p/donde-conseguirlo.html 


“Hubo un tiempo en que el uso de plantas y frutos silvestres era habitual. La modernidad acabó con todo ello a base de adoctrinamiento desde las instituciones del Estado, en particular Universidades, escuelas, púlpitos, medios de comunicación, etc., hasta conseguir que las gentes del rural renegaran de su mundo y de ellas mismas. El lavado de cerebro fue tan eficaz que hasta el día de hoy se asocia el comer plantas silvestres exclusivamente con tiempos de postguerra y hambruna. Nuestra propuesta es que los alimentos recolectados representen al menos un tercio de nuestra dieta. Con ello conseguiremos mejorar nuestra salud integral, gracias a la gran cantidad, diversidad de nutrientes y energía vital de las silvestres, así como la salud del Planeta. También es una buena forma de desafiar al Sistema…”


30/9/17

Camisetas do Petroglifo da Chan das Tomadas

Para todos aqueles que desexen colaborar con esta Asociación, infórmase que xa temos á venta as camisolas de todas as tallas e en cores verde, branco, amarelo e vermello do Petroglifo da Chan das Tomadas, ben cultural redescuberto hai uns meses e cuxo proxecto de recuperación e posta en valor agardamos realizar proximamente.

Estas camisetas teñen un prezo de 10 euros por unidade e contribuirán a financiar os citados traballos, consistentes na limpeza, delimitación e rexistro gráfico do petróglifo; pero tamén á publicación dun libro sobre a toponimia da parroquia de Chandebrito, prevista para finais deste ano 2017. Ademáis, unha parte da recadación iría destinada a persoas desfavorecidas.



25/9/17

Cestería de nasas polbeiras

A Asociación Chandebrito 1807 promove unha actividade de artesanía en vimbio para confeccionar nasas para o polbo.

Lugar:  Escola Infantil de Chan de Brito (Rúa da Igrexa, 2).
Datas:  Sábado 14 e domingo 15 de Outubro en horario de mañá e de tarde.

Para inscricións, poden indicar o nome e apelidos, lugar de residencia, número de teléfono de contacto e correo-e se tivese.


12/8/17

Novos traballos en beneficio da comunidade durante este ano

A Asociación Chandebrito 1807, con motivo dun convenio asinado co Goberno Central o 30 de outubro de 2012 e vixente a dia de hoxe, contará en breve co apoio de dúas persoas que realizarán traballos en beneficio da comunidade na parroquia de Chan de Brito ata o próximo mes de decembro.

Deste xeito, a parroquia e a súa veciñanza vanse favorecer de xeito gratuíto das melloras que se realicen, e as persoas prestadoras do servizo cumprirán a súa pena preto dos seus domicilios sen ter que pagar multas.

As tarefas que desenvolverán son, entre outras, a roza de camiños veciñais, recollida de lixo de camiños, viais públicos e outros lugares de uso común, a sinalización de lugares de interese, a limpeza de bens culturais, etc.

Ao mesmo tempo, esta Agrupación sen ánimo de lucro recollerá as propostas que realice a veciñanza neste sentido, coa intención de realizar as actuacións de interese público que propoña a mesma. 


28/7/17

A Valedora do Pobo estima o noso recurso contra o concello por falta de transparencia

A Comisión de Transparencia de Galicia (integrada pola Valedora do Pobo), ven de dar a razón a esta Asociación na súa solicitude ao Concello de Nigrán sobre a consulta de diversos expedientes de contratación de obras, subministros e servicios relativos á parroquia de Chan de Brito.

Esta agrupación veciñal, de conformidade ao establecido na Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e demáis normativa, e ao ser parte interesada nos asuntos prantexados, presentou no Rexistro municipal solicitudes o 04/11/2016, que reiterou o 24/02/2017, para consultar a oportuna documentación, transcorrendo varios meses sen resposta algunha, ata que a Valedora do Pobo llo requeriu mediante acordo do 30.06.2017, que dí:

- Estimar o recurso presentado pola Asociación Chandebrito 1807 o 20.03.2017 contra o concello.
- Instar ao concello a proporcionar a información solicitada no prazo máximo de 15 dias.
- Instar ao concello a que remita copia electrónica ao Consello da Transparencia da información subministrada en cumprimento do acordado, no prazo máximo de 15 dias.

Igualmente, leva anos solicitando por escrito (a través do rexistro e do buzón de suxerencias e reclamacións da páxina web do Concello) que se realicen diversas actuacións necesarias e de competencia municipal na parroquia de Chan de Brito, sen que polo momento o goberno municipal contestase algunha das peticións formuladas (se ben é certo que se executaron unhas poucas, de escasa entidade).

Por elo, volverá e reclamar que se realicen ditas actuacións, sen descartar acudir á Valedora do Pobo ou a outras instancias de non ter resposta nas próximas semanas.

10/7/17

O goberno de Nigrán usa herbicidas tóxicos preto das casas

O GOBERNO DO CONCELLO DE NIGRÁN UTILIZA HERBICIDAS TÓXICOS PRETO DE CASAS, CULTIVOS E AUGAS, PROVOCANDO O RISCO DE CONTAMINACIÓN E DE FAVORECER A APARICIÓN DE ENFERMIDADES.



O ano pasado o Concello de Nigrán ante as presión veciñais polo uso de herbicidas que, como sabemos, envelenan o noso medio ambiente, aprobou unha moción na que se acordaba:

o Pleno do Concello acordou non autorizar o uso dos herbicidas con glifosato en lugares públicos do municipio, e substituír estes produtos por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes, que non danan a saúde nin o medio.

Nos casos concretos de conflito, o Concello solicitará por escrito ás entidades implicadas na aplicación de herbicidas que en virtude do Real Decreto 1311/2012 empreguen métodos de control alternativos, non químicos.

Chagáronnos moitas queixas por parte da veciñanza de diferentes lugares de Nigrán, especialmente de Chan de Brito avisando de que persoal do Concello estaba a fumigar preto das casas, mananciais de auga e de cultivos (algúns atópanse danados), polas cunetas e camiños...Isto fixo que varios colectivos escribíramos ao alcalde e concelleiros delegados para preguntarlle se era posible que tras a moción aprobada, o concello a estivese incumprindo.

O Alcalde respondeu literalmente:
"Non é glifosulfato ni ningún herbicida tóxico. Trátase de produto non dañino nin para o medio ambiente nin para persoas ou animais, cando vostedes queiran o poden comprobar."

Ante esa resposta pediuse poder comprobalo ou o nome do produto, esta segunda resposta xa non nos chegou.

Finalmente, tras unha pregunta no ultimo pleno relativa ao tema e tras moita insistencia por parte dun grupo da oposición nos comunican que o produto empregado é GLUFOSINATO DE AMONIO, un herbicida químico que Bayer puxo estratexicamente no mercado coa idea de substituír ó Glifosato (xa que non está polo momento categorizado pola Axencia Internacional de Investigacións sobre o Cancro, e aínda non ten tan mala prensa nin é tan coñecido entre a poboación), e xa está implantado e xerando grandes conflitos ecolóxicos e sociais noutros países, xa que hai investigacións que fan sospeitar que pode ser incluso máis prexudicial e tóxico que o propio Glifosato.

Esta actitude supón unha burla e unha falta de respecto á veciñanza que esixe o cese inmediato das fumigacións e o cumprimento da moción acordada.

Outro dos compromisos adquiridos na mesma leváballe a facer presión sobre a Xunta de Galicia para que deixar de fumigar as cunetas das estradas que atravesan o espazo de Nigrán, cousa que tampouco fixo. Así, todo suma,e vémonos infestados de herbicidas tóxicos que se acumulan ano tras ano na nosa terra e na nosa auga.

Por elo, estase promovendo unha campaña entre a cidadanía para que se dirixa ao goberno municipal denunciando estas prácticas e que lle requira o cumprimento dos propios acordos adoptados polo concello.