11/4/25

A Asociación solicita a mellora de varios viais na parroquia



A Rúa da Barreira (sito no barrio de Pracíns, da parroquia de Chandebrito), conta cun pavimento asfáltico desde o ano 1998 no que se practicaron calas para dotar á zona da rede xeral de sumidoiros, ademáis de existir raíces de arborado que afectan á calzada, polo que a capa de rodadura desta vía municipal atópase moi deteriorado, co conseguinte risco de danos e prexuízos a vehículos e peóns que circulan pola mesma.

Igualmente, a superficie do vial Rúa da Igrexa, nesta mesma parroquia, á altura do inmoble número 2 (de titularidade municipal), e do camiño de baixada ao torreiro vello da festa e á igrexa parroquial, na mesma zona, atópanse nun mal estado de conservación e causando un impacto visual nun lugar que conta con importantes valores históricos e etnográficos pola existencia de diversos elementos do patrimonio cultural e de edificacións tradicionais. 

Tamén consideramos necesaria a instalación dun valo metálico á altura do núm. 5 da Rúa da Igrexa, que se atopa nun plano moi inferior, para evitar caídas, adecuando o marxe do vial ata o valo. 

Vistos os artigos 25 e 26 da Lei 7/1985, solicitouse a realización das obras de dotación de nova capa de asfalto en toda o vial municipal denominado Rúa da Barreira, na Rúa da Igrexa á altura do núm. 4 e de adecuación do Camiño de baixada á igrexa parroquial, e da marxe da rúa da Igrexa núm. 5, en Chandebrito, de conformidade ao exposto anteriormente.



5/3/25

Obradoiro de cestería tradicional con vime (II)

 Esta Agrupación convoca un novo obradoiro de cestería tradicional con vimbio en Chan de Brito (II), de 20 horas:

- Lugar de celebración: Antiga escola infantil de Chan de Brito (Rúa da Igrexa, 2 - Chan de Brito, C.P. 36360 Nigrán) Ubicación: https://maps.app.goo.gl/3pjyQRUXqFmeCgTa7 

- Datas: desde o sábado 8 de marzo ata o 3 de maio (ambos incluidos), durante oito sábados consecutivos (agás o 26 de abril).

- Horario: de 16:30 a 19:00 h (2,5 horas).

- Prezo: 30 euros ao mes por persoa, a abonar o primeiro dia de cada mes (de necesitar material pagaráse aparte na propia aula)

De renunciar á participación nesta actividade, rógase que o comuniquen antes do dia do comezo. Do contrario, excluiríase en próximas actividades desta Agrupación.

24/2/25

Convócase unha nova edición do obradoiro de cestería tradicional para este ano

Esta Asociación convoca para este ano unha nova edición do Obradoiro de cestería tradicional con vimbio en Chan de Brito, de 20 horas:


- Lugar de celebración: Antiga escola infantil de Chan de Brito (Rúa da Igrexa, 2 - Chan de Brito, C.P. 36360 Nigrán)  Ubicación: https://maps.app.goo.gl/3pjyQRUXqFmeCgTa7 

- Datas: desde o sábado 8 de marzo ata o 3 de maio (ambos incluidos), durante oito sábados consecutivos (agás o 26 de abril).

- Horario: de 16:30 a 19:00 h (2,5 horas).

- Prezo: 30 euros ao mes por persoa, a abonar o primeiro dia de cada mes (de necesitar material pagaráse aparte na propia aula)

De renunciar á participación nesta actividade, rógase que o comuniquen antes do dia do comezo. Do contrario, excluiríase en próximas actividades desta Agrupación.


13/12/24

Obradoiro de doces artesáns de nadal

O vindeiro luns dia 23 de decembro, en horario de mañá ou de tarde (dous grupos ou quendas), a Asociación Chandebrito 1807 desenvolverá na escola infantil da parroquia (Rúa da Igrexa núm. 2, Chan de Brito) un Obradoiro de doces artesáns de nadal, cunha duración aproximada de dúas horas.

Pódense realizar as inscricións enviando un correo-e a chandebrito1807@gmail.com cos nomes e apelidos, enderezo de correo-e, núm. de teléfono de contacto, idade, zona de residencia, e quenda elixida.

Máis info. no tlf. 633363183 ou en www.chandebrito1807.blogspot.com  


Para elo, realizaranse varios produtos: turróns, galletas decoradas e panettone.

Este taller, organizado por esta Asociación, impartirase, ao igual que en anos anteriores, por unha especialista na materia, Sonia de "Reishi Terapia".

Os gastos son 35 euros por persoa, que inclúen todo o material.

O obxectivo é promover un consumo máis responsable, unha alimentación máis sán, elaborando doces de xeito sinxelo, rápido e natural, e camiño á autosuficiencia.

As peticións de inscrición realizaranse mediante correo-e antes do venres dia 20 de decembro ás 15.00 h., reservándose a praza por orde de recepción das mesmas, ata un aforo máximo de 15 persoas cada un.

13/11/24

Atraso do comezo do obradoiro de cestería 2024/2025

O obradoiro de cestería tradicional con vimbio, a impartir na escola infantil de Chan de Brito polo mestre Suso de Tui cuxo comezo estaba previsto para o sábado 23 de novembro e remate o 8 de febreiro, durante doce sábados consecutivos en horario de 16:30 a 19:00 h (30 horas), finalmente comezará o dia 30 de novembro e finalizará o 15 de febreiro de 2025.

7/11/24

OBRADOIRO DE CESTERÍA PRÁCTICA TRADICIONAL

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", ante o alto grao de éxito obtido nos cursos prácticos de cestería tradicional celebrados entre os anos 2008 e 2019, nos que participaron ducias de persoas de todo o Val Miñor e área de Vigo; convoca un novo obradoiro de cestería tradicional con vimbio, impartido na escola infantil de Chan de Brito polo mestre Suso de Tui desde o sábado 23 de novembro ata o 8 de febreiro, durante doce sábados consecutivos en horario de 16:30 a 19:00 h (30 horas).


Tódalas persoas interesadas en participar neste actividade poden informarse no teléfono 667380223 e inscribirse ata o 20 de novembro indicando nome e apelidos no enderezo de correo-e: chandebrito1807@gmail.com . 

Farase un único grupo de entre 6 e 10 persoas por riguroso orde de inscrición. Ao igual que nos cursos anteriores, ao remate desta actividade entregaráselle aos participantes o correspondente diploma acreditativo.

Gracias á importante labor dos mestres cesteiros xa falecidos Manuel Gómes Costas e Rubén Berto Covelo, ao que temos que agradecerlle o seu interese por ensinar a todos aqueles interesados que descoñecen unha forma de artesanía, vida e cultura que o home elaborou dende os albores da humanidade, pois a cestería incluso é anterior a cerámica, arte que con moi poucas modificacións durante milenios, demostra que a idea primixenia e a súa realización foron perfectas dende un principio, cousa que raras veces se consigue.

Non cabe dúbida, por tanto que os cesteiros, ó igual que outros oficios practicados en Galicia por desgracia esmorecen a causa dos avances das novas técnicas e do tan gabado progreso, asistindo á transformación das artes, oficios, tradicións e calquera tipo de manifestación da nosa cultura, polo que con este tipo de cursos tratamos de manter viva a tradición e cultura levada a cabo durante milleiros de anos polos nosos antepasados, non podendo permitir que se perda.

19/12/23

Presentamos reclamación contra a subida do IBI

No dia de hoxe presentamos no Concello reclamación contra a aprobación provisional da Modificación da Ordenanza fiscal do Imposto de Bens Inmobles "contribución urbana" en Nigrán, polo que, conforme ao establecido na Lei, debe tratarse novamente nunha sesión do pleno municipal.

Na reclamación desta Agrupación cuestiónase a suba do tipo de gravame do 0,50% ao 0,60%, que de aprobarse definitivamente, a modificación aplicaríase á base liquidable do valor catastral para os bens inmobles de natureza urbana, o que suporía un incremento do 20 % na cuota tributaria.  A modo de exemplo, un propietario dun ben inmoble urbano con un valor catastral de 100.000 € que no ano 2023 pagou 500 € de cota, no ano 2024 terá que pagar 600 €.

Esta subida do goberno municipal para os bens inmobles urbanos é totalmente inxusta tendo en conta a grave crise económica que padecemos e que afectará especialmente ás persoas con menos recursos económicos nun momento en que o custo da vida sube e cunha continua perda de poder adquisitivo.

Ademáis da referencia ao tipo de gravame a aplicar, esta Asociación na súa Reclamación denuncia as irregularidades na tramitación do expediente da modificación porque se convocou para a aprobación provisional unha sesión extraordinaria do pleno de carácter urxente, con menos de dous día hábiles de antelación, sen motivar debidamente a urxencia. Tampouco se convocou a Comisión Informativa de Facenda e polo tanto esta non ditaminou o asunto para o pleno.

Non existe no expediente informe sobre a viabilidade económica da Modificación da ordenanza fiscal, porque non existe un informe propio e especifico da intervención municipal no que se avalíe a incidencia económica-financeira da modificación. Tampouco puido ser examinado o expediente polos interesados na sede electrónica do Concello a pesar de que no edicto do Alcalde do 03.11.2023 e o anuncio no BOP do 06.11.2023 se indicaba tal posibilidade.

En base a argumentación exposta na reclamación, tanto referida ás irregularidades na tramitación do expediente como no contido da cota tributaria, solicita que non se aprobe definitivamente polo pleno a Modificación da Ordenanza fiscal do Imposto sobre os Bens Inmobles, manténdose o actual tipo de gravame para os bens inmobles de natureza urbana no 0,50 %.