19/12/23

Presentamos reclamación contra a subida do IBI

No dia de hoxe presentamos no Concello reclamación contra a aprobación provisional da Modificación da Ordenanza fiscal do Imposto de Bens Inmobles "contribución urbana" en Nigrán, polo que, conforme ao establecido na Lei, debe tratarse novamente nunha sesión do pleno municipal.

Na reclamación desta Agrupación cuestiónase a suba do tipo de gravame do 0,50% ao 0,60%, que de aprobarse definitivamente, a modificación aplicaríase á base liquidable do valor catastral para os bens inmobles de natureza urbana, o que suporía un incremento do 20 % na cuota tributaria.  A modo de exemplo, un propietario dun ben inmoble urbano con un valor catastral de 100.000 € que no ano 2023 pagou 500 € de cota, no ano 2024 terá que pagar 600 €.

Esta subida do goberno municipal para os bens inmobles urbanos é totalmente inxusta tendo en conta a grave crise económica que padecemos e que afectará especialmente ás persoas con menos recursos económicos nun momento en que o custo da vida sube e cunha continua perda de poder adquisitivo.

Ademáis da referencia ao tipo de gravame a aplicar, esta Asociación na súa Reclamación denuncia as irregularidades na tramitación do expediente da modificación porque se convocou para a aprobación provisional unha sesión extraordinaria do pleno de carácter urxente, con menos de dous día hábiles de antelación, sen motivar debidamente a urxencia. Tampouco se convocou a Comisión Informativa de Facenda e polo tanto esta non ditaminou o asunto para o pleno.

Non existe no expediente informe sobre a viabilidade económica da Modificación da ordenanza fiscal, porque non existe un informe propio e especifico da intervención municipal no que se avalíe a incidencia económica-financeira da modificación. Tampouco puido ser examinado o expediente polos interesados na sede electrónica do Concello a pesar de que no edicto do Alcalde do 03.11.2023 e o anuncio no BOP do 06.11.2023 se indicaba tal posibilidade.

En base a argumentación exposta na reclamación, tanto referida ás irregularidades na tramitación do expediente como no contido da cota tributaria, solicita que non se aprobe definitivamente polo pleno a Modificación da Ordenanza fiscal do Imposto sobre os Bens Inmobles, manténdose o actual tipo de gravame para os bens inmobles de natureza urbana no 0,50 %.

No hay comentarios: