3/3/18

Publicación do libro de recuperación da toponimia de Chandebrito

En datas recentes vense de publicar o libro titulado "Toponimia de Chandebrito", traballo que recompila un total de 750 nomes de lugar (topónimos) ubicados nesta parroquia e nas zonas próximas a esta (en Coruxo, Valadares, Vincios e Camos).




Este traballo, proxecto da Asociación "Chandebrito 1807" e do Clube Espeleolóxico Maúxo, foi coordinado por Carlos Gómes Costas e Xavier Groba González e desenvolveuse durante todo o ano 2017, aínda que xa se realizara a búsqueda de información nos anos 2008 e 2009.



Entre as súas 32 páxinas a toda cor, atópanse 9 láminas con voos aéreos nos que se localizan 607 topónimos (os 143 restantes cítanse pero non se recollen nos planos, ao non ter a certeza da súa ubicación exacta). Tamén se engaden fotografías do voo americano do ano 1956, doutras fotos antigas e recentes, e de algunhas das moitas placas de pedra realizadas e colocadas por esta Agrupación para sinalizar diversos lugares de Chandebrito cos seus respectivos nomes tradicionais.



Con este traballo, pretendemos recuperar e preservar unha parte moi importante do patrimonio cultural da zona, como é o da denominación dos lugares, algo que durante centos de anos e ata hai pouco era imprescindible para a vida da veciñanza.




Por último, queremos agradecer á veciñanza informante (preto de 30 persoas), aos colaboradores, e o apoio económico do Colexio Estudio, Casa Turística das Rozadas, Concello de Nigrán e Deputación de Pontevedra.



Pódese descargar unha versión do libro en formato pdf accedendo á seguinte páxina web:
http://www.nigran.es/wp-content/uploads/Toponimia_chandebrito.pdf 


No hay comentarios: