27/9/23

Acto público sobre o PXOM de Urbanismo na parroquia

A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” organizou un acto público para o venres día 29 ás 20 horas na antiga Escola de Infantil de Chan de Brito para explicar o contido do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Coa finalidade de fomentar a transparencia e a participación, a esta xuntanza pública foron convidadas todas as agrupacións políticas con implantación no Concello de Nigrán, que a maioría xa confirmaron a súa asistencia, para que expoñan, tanto para a parroquia de Chan de Brito como para o resto do municipio de Nigrán, a súa opinión sobre o documento do PXOM exposto parcialmente na páxina web do Concello.

A razón pola que esta asociación veciñal tomou esta iniciativa debeuse a que o goberno municipal tiña convocada unha reunión para o 4 de setembro nesta parroquia para explicar o contido do PXOM pero que a realizou noutra data diferente sen informar publicamente do cambio, co cal gran parte da veciñanza da parroquia non se enterou da celebración e na súa actitude oscurantista negouse a convocar unha nova xuntanza publicitada polo propio goberno municipal.

Por outra parte, esta agrupación veciñal considera que o documento do PXOM exposto na web municipal debe expoñerse completo e non parcialmente, que ademais dos posibles erros, as suxerencias e observacións feitas pola veciñanza aos técnicos municipais nas citas en marcha organizadas sexan trasladados ao equipo redactor, goberno municipal e grupos da oposición para o seu coñecemento, e o que é mais importante, ao comprobarse que o documento exposto agora presenta cambios sustanciais respecto ao documento de Aprobación Inicial, se expoña de novo ao publico para que a cidadanía a cal lle cambiaron profundamente a cualificación urbanística das súas propiedades poida alegar.



No hay comentarios: