12/9/23

Denuncia oscurantismo das charlas sobre o PXOM de Nigrán

 

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 quere denunciar publicamente a forma oscurantista con que o equipo de goberno municipal do PSOE está levando a cabo charlas polas parroquias do municipio para explicar o contido do futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que pretenden aprobar definitivamente por parte do do Concello antes que remate este ano.

Nun medio de comunicación o 30 de xullo anunciaron que no mes de setembro farían unha xira polas parroquias e que xa estaban dúas datas marcadas e pechadas  que serían o 4 de setembro en Chandebrito e do día 6 en Camos.

A reunión de Chandebrito do luns día 4 non chegou a celebrarse e cambiouse para o venres día 8 sen ningunha nota aos medios de comunicación nin publicidade por parte do Concello, e se houbo algunha foi só por parte da directiva dunha asociación determinada para os seus asociados pero non para toda a veciñanza desta parroquia.

O xoves día 7 celebrouse na parroquia de Panxón outra destas reunións informativas sen ningun tipo de publicidade por parte do goberno municipal, a única publicidade  que houbo foi na rede social Facebook dunha asociación veciñal determinada.

As reunións para dar a coñecer un documento tan importante para o futuro do municipio non poden ser parte os poucos socios dunha asociación, senón para toda a veciñanza polo que se require a maior difusión por parte do Concello na convocatoria.

Esta Asociación sen ánimo de lucro, ante esta actitude do equipo do goberno que parece pretender que ás reunións informativas acuda o menor número posible de veciñas e veciños (a pesar de anunciar na prensa que quere dar a coñecer o PXOM por unha cuestión de “transparencia”), pide que rectifiquen e volvan repetir as reunións de Chandebrito e Panxón e as que aínda están pendentes de convocar se lles dea a maior difusións posible.

Asi mesmo, pide que o goberno municipal ofreza a súa opinión sobre o documento, e que convoque tamén aos restantes grupos municipais para que poidan asistir as reunións se o desexan e, o que é máis importante, se recolla das persoas asistentes os posibles erros e cambios sustanciais no documento exposto respecto ao da aprobación inicial.

Por último, solicita tamén que se convoque ao Consello Sectorial do PXOM para que se pronuncie ao respecto, órgano que leva paralizado máis de doce anos ao non ser convocado polo goberno de Nigrán para consultas e dictames na construción do documento urbanístico.



No hay comentarios: