1/12/23

Esta Asociación considera a reunión do PXOM un fraude


Para a Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” a convocatoria e celebración do Consello Sectorial do PXOM do pasado día 30 de novembro resultou ser un verdadeiro fraude.

En primeiro lugar, convocouse a asociacións que na actualidade estaban inactivas por carecer de xunta directiva e tamén a outras que non estaban ao día administrativamente no rexistro municipal de asociacións.

En segundo lugar, a asistencia foi totalmente irregular e sen ningún tipo de control dos asistentes. Por algúns dos partidos políticos con representación na corporación municipal asistiron tres membros, cando o réxime do Consello Sectorial aprobado polo pleno o 28 de maio de 2008 só contempla a participación dun membro. O mesmo sucedeu con algunhas asociacións veciñais, de montes, culturais, etc., que asistiron con máis membros dos que lle correspondía polo regulamento do Consello Sectorial. Tamén destacou a falta total de asistencia por parte dalgunhas asociacións veciñais porque non o consideran un órgano serio. Todas estas irregularidades e incumprimentos non son de estrañar nin lle importan ao alcalde nin ao seu equipo de goberno, porque ao fin de contas, según denunciou unha plataforma cidadá, o réxime do Consello sectorial aprobado polo pleno municipal no ano 2008, nunca chegou a publicarse no BOP, polo que non estaría ao abeiro do disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais.

As afirmacións do alcalde de que “o Consello Sectorial é o órgano que representa ao conxunto da veciñanza e vela polos intereses globais do municipio” é un insulto á intelixencia da veciñanza de Nigrán, porque moitas persoas do municipio e entidades sabemos que estas xuntanzas do Consello Sectorial non serven para nada e só se convocan cando lle convén ao equipo de goberno. O Consello Sectorial non realizou nunca ningunha proposta cara a elaboración do PXOM, nin emitiu, nin formulou informes, propostas, etc. de ningún tipo porque foi utilizado polo goberno municipal só con fins propagandísticos.

O único para que serviu a xuntanza do Consello Sectorial do día 30 foi para deixar claro que o equipo de goberno non está disposto a facer unha nova exposición publica do documento do PXOM a pesar dos cambios profundos que hai entre o documento de aprobación inicial do 2013 e o que se presenta agora parcialmente, deixando á veciñanza na indefensión e sen a oportunidade de facer alegacións polos cambios inxustificados en moitos casos de empeoramento da calificación urbanística das súas propiedades respecto ao documento inicial.

Esta asociación veciñal volve a demandar unha nova exposición publica para garantir os intereses veciñais e a seguridade xurídica do documento e que tanto as solicitudes de corrección de erros e alegacións extemporáneas da veciñanza agraviada que se están presentando polo rexistro do Concello sexan entregadas copias das mesmas aos grupos da oposición para o seu coñecemento.

Asi mesmo, tampouco se recollen no documento do Plan Xeral as exixencias da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta ao Concello de Nigrán como consecuencia das solicitudes formuladas pola Asociación "Chandebrito 1807" para incluír e protexer diversos bens culturais; polo que solicitamos novamente que se teña en consideración este asunto.

No hay comentarios: